Mundos Digitales explorará os límites da tecnoloxía na creación dixital na súa 23ª edición
luns, 16 de xuño do 2025
A Coruña converterase, entre o 3 e o 5 de xullo, na capital internacional da animación, os efectos visuais e a innovación audiovisual coa celebración dunha nova edición de Mundos Digitales. O congreso, que cumpre 23 anos, contará cun ambicioso programa centrado na produción virtual e a intelixencia artificial, e acollerá figuras destacadas como o director Tim Miller (Deadpool, Love, Death & Robots), que recibirá o Premio Especial do evento.
A edición de 2025 foi presentada na Cidade das TIC, no novo plató Coruña Estudio Inmersivo, nunha conferencia de prensa coa participación de representantes do Concello da Coruña, AGADIC e a Deputación provincial. Os organizadores salientaron a importancia estratéxica de situar Galicia como referente europeo na creación dixital.
Manuel Meijide, director e fundador do congreso, quixo destacar o importante labor que un proxecto como este realiza na tarefa de posicionar Galicia (e concretamente A Coruña) dentro do mapa internacional: «realizar esta presentación nun entorno tan inigualable como é o espectacular plató Coruña Estudio Inmersivo, unha iniciativa da Deputación da Coruña e xestionado por Pedralonga Estudios, un grupo de empresas galegas do sector creativo dixital e sobre o que A Coruña se está a converter no epicentro da dixitalización e sobre o que están postas moitas miradas».
A presentación contou coa participación do concelleiro coruñés, Gonzalo Castro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; e mais o deputado voceiro da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, xunto a outros colaboradores habituais.
Na súa intervención, Jacobo Sutil definiu Mundos Digitales como «un foro que, xa pola súa traxectoria como referente no intercambio de coñecementos do sector, sitúa Galicia no cumio da modernidade neste apartado tan específico da creación audiovisual» e destacou, ademais, que nel os profesionais galegos «non son meros espectadores, senón protagonistas de moitas das actividades programadas». Neste sentido, referiuse en concreto ás dúas conferencias que contan co patrocinio específico da Xunta, como son as que correrán a cargo da deseñadora de videoxogos Cristina García Aradas, formada en Galicia e actualmente traballando para a británica Merge Games, que fará un relatorio sobre o deseño de niveis nos videoxogos; e da directora de fotografía Noelia Muíño, guionista, directora e produtora en Inverno Films, que falará da procura de financiamento nos primeiros estadios dun proxecto a través de casos reais.
O concelleiro de Cultura e Turismo da Cidade da Coruña, Gonzalo Castro, apuntou pola súa banda que «de cuestións como o desenvolvemento da IA falábase ata hai pouco en clave de futuro. E non, xa é o presente e na Coruña, grazas ao esforzo do Goberno de Inés Rey para conseguir a AESIA e, ademais, o pulo que estamos a dar á Cidade das TIC en Pedralonga, temos unha posición privilexiada para reunir aos mellores expertos e profesionais deste eido. Mundos Dixitais é un exemplo disto».
O deputado Bernardo Fernández puxo en valor o auxe do sector audiovisual en Galicia, que representa xa o 28 % da industria cultural galega, con máis de 4.500 empregos, 411 millóns de euros de facturación e 707 empresas, das cales o 76 % están na provincia da Coruña. Subliñou que «estamos a falar dun sector estratéxico, con empresas líderes na industria do cine, as series, a animación ou os videoxogos, e cun enorme potencial de crecemento que desde a Deputación acompañamos con proxectos e investimentos de gran envergadura».
Como evento de referencia a nivel internacional, Mundos Digitales buscará dar resposta aos múltiples ámbitos da creación dixital en animación, efectos visuais, videoxogos, intelixencia artificial, tecnoloxías inmersivas e innovación audiovisual, nun programa que este ano pon o foco en explorar os límites da tecnoloxía na creación dixital a través da súa aplicación práctica nos procesos de produción. Un punto de encontro único para profesionais, investigadores, estudantes e empresas interesadas en coñecer as ferramentas actuais e futuras para producir e crear contidos dixitais innovadores.
A cita, ademais do Festival Internacional de Curtametraxes de Animación, contará coa súa tradicional Feira de Emprego, outro dos piares de Mundos Digitales, unha actividade que se afianza como unha das máis relevantes do congreso, e continúa a ser unha das máis grandes de Europa por número de empresas e asistentes participantes.
O prestixioso director Tim Miller, responsable de producións como Deadpool, Terminator: Dark Fate ou das antoloxías Love, Death & Robots e a recentemente estrea Secret Level, será galardoado co Premio Especial desta edición.
Unha ambiciosa programación
Coa Produción Virtual como eixo central desta edición, supervisores, directores e responsables dos principais estudos nacionais e internacionais compartirán as súas experiencias, proxectos e coñecementos a través de presentacións, clases maxistrais e encontros sectoriais de formato reducido. Nestes espazos abordarase en profundidade todos os aspectos tecnolóxicos e de desenvolvemento vinculados a esta innovadora forma de rodaxe.
Producións de referencia como El Eternauta (que bateu todos os récords e terá a súa estrea internacional en A Coruña o vindeiro mes de xullo), Los que arden ou a multinacional Panerose (creada integramente coa tecnoloxía que chegou para quedarse) conforman unha programación de primeiro nivel centrada nun novo paradigma tecnolóxico que está transformando a industria cinematográfica global.
Coincidindo co décimo aniversario de Netflix en España, e co recente anuncio da compañía dun investimento de 1.000 millóns para producións no noso país nos vindeiros anos, o equipo de Efectos Visuais e Produción Virtual da plataforma participará en Mundos Digitales contando as súas experiencias co sector nacional co obxectivo de impulsar os procesos de internacionalización dos contidos audiovisuais.
No terreo da innovación tecnolóxica, destaca a participación do responsable do proxecto Blik & Tradditions, que conseguiu estar na shortlist dos premios Emmy. Compartirá como lograron levar a cabo unha das experiencias inmersivas máis destacadas do último ano coa instalación The Sphere de Las Vegas, tecnoloxía de última xeración aplicada á creación de máis de 100.000 metros cadrados. Por outra banda, desde a UCF, centro de referencia internacional, chegará unha das experiencias punteiras no uso de ferramentas de creación narrativa: El Diablo Neo, a primeira novela realizada dentro dos Voyagers experiences da universidade estadounidense, unha realidade mixta integrada nunha das plataformas máis innovadoras do mundo como é PortAventura.
Como non podía ser doutro xeito
, a Intelixencia Artificial tamén terá un protagonismo especial. En Mundos Digitales presentarase oficialmente AI Assemble, unha asociación nacida a partir da necesidade de afrontar os novos retos que supón a aplicación da IA aos procesos laboratoriais. AI Assemble ten como obxectivo impulsar a investigación, o deseño, a fabricación e a distribución de contidos dixitais baseados en IA, así como definir unha estratexia para o seu desenvolvemento ético e sostible. Contará co apoio de expertos en IA e creativos do sector audiovisual que abordarán os procesos de implementación das ferramentas de IA na creación de contidos. AI Assemble busca converterse na referencia global para os profesionais da creación dixital en contornas intelixentes e asistidas por IA.
A animación e os efectos visuais seguirán ocupando un lugar destacado. Entre os proxectos que se presentarán figuran títulos tan esperados como Lilo & Stitch, House of the Dragon, ou unha das series do ano, Adolescense, rodada integramente en plano secuencia, capítulo a capítulo.
Ademais, e como xa vén sendo tradición, cada ano Mundos Digitales vincúlase cunha destacada produción que acompañará o evento como imaxe do mesmo. Nesta ocasión, serán os YugiBAO, unha innovadora marca de entretemento 360º de Morgana Studios e Digitoonz Spain. Trátase dunha IP que conta con todos os ingredientes do éxito: unha narrativa coidada, a usabilidade dos seus personaxes, un gran potencial para o desenvolvemento de licensing e merchandising, e a capacidade de conectar con audiencias de todo o mundo.