Mundos Digitales colocará esta semana á Coruña «no centro da vangarda» da creación dixital

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Xulio Ferreiro asegura que Mundos Digitales «coloca A Coruña no centro da vangarda»

Esta mañá presentouse na Coruña a XVII edición de Mundos Digitales, congreso internacional dos profesionais do sector da animación, os efectos especiais, os videoxogos e os novos media que desenvolverase entre os días 5 e 7 de xullo no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (PALEXCO) acollendo conferencias, obradoiros e encontors de creación dixital en cine, televisión, videoxogos, publicidade e novas aplicacións que van dende a arquitectura dixital até a mercadotecnia.
Para dar conta da celebración deste evento de grande importancia a nivel europeo estiveron presentes o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o director de Mundos Digitales, Manuel Meijide. O rexedor coruñés salientou que este congreso «axuda a democratizar o coñecemento e facer máis accesible un sector no que pode estar e está o futuro de moitas coruñesas e coruñeses» e lembrou «o potencial que ten A Coruña e Galicia no campo da animación e dos efectos visuais». Ferreiro tamén quixo lembrar grandes referentes locais, como Alberto Vázquez, director de Psiconautas, e ao estudio de videoxogos Gato Salvaje, e o seu proxecto The Waylanders.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, na súa intervención, non quixo deixar pasar a oportunidade de comentar o obradoiro de creación de personaxes que desenvolverase os días 5 e 6 e estará dirixido a mozos de entre 14 e 18 anos, de xeito que achega á xente nova todo un sector que cada vez ten maior importancia na súa formación e na proxección do seu futuro profesional.
O director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, fixo un repaso dos contidos deste ano, destacando ás grandes figuras a nivel internacional que estarán presentes e tamén salientando a oportunidade de coñecer mellor as posibilidades actuais da tecnoloxía de ray tracing de Epic Games, que na súa curtametraxe Reflections, desenvolvida en colaboración con nVIDIA e ILMxLAB, amosa como é posible crear gráficos fotorrealistas en tempo real, o que claramente será unha revolución para a industria audiovisual, de xeito que a tecnoloxía cada vez será unha barreira máis feble, de xeito que o máis importante para a creación será a imaxinación.

Conferencias

Manuel Meijide destacou a presenza de grandes figuras internacionais do sector da creación dixital

Na edición deste ano repite asistencia Rajesh Sharma, director tecnolóxico de Walt Disney Animation Studios, un dos conferenciantes máis aplaudidos no ano pasado e que nesta ocasión describirá, de principio a fin, o proceso de facer películas de animación e os retos do futuro deste xénero.
Así mesmo, Sebastian Sylwan, socio creativo de Felix& Paul Studios e responsable de experiencias inmersivas de alta calidade como Jurassic Park e Inside the White House with Barack and Michelle Obama presentará, como compañía líder a nivel mundial en realidade virtual, as últimas tendencias neste puxante sector. Outro conferenciante de primeira fila será Jayse Hansen, o cerebro detrás de interfaces de usuario ficticias como as que ven en películas de éxito como Los Juegos del Hambre, Iron Man e Star Wars.
Tamén está confirmada a participación de Mike Ladlaw, un dos mellores consultores da industria dos videoxogos (director creativo da serie Dragon Age) que colabora agora coa empresa coruñesa Gato Salvaje na súa nova creación, The Waylanders.

Á presentación acudiron diversos representantes de entidades galegas relacionadas cos ámbitos que aborda o congreso Mundos Digitales, que van dende o audiovisual até a Industria 4.0

PUBLICIDADE