Mundo Unido permite que os cidadáns coñezan, a través da Rede, o país, a ONG e o proxecto ó que contribúen coas súas doazóns

martes, 26 de xuño do 2007 Raquel Noya

Grazas á iniciativa “Apadriña un proxecto”, que vén de presentar Mundo Unido na Casa do Voluntariado de Madrid, os cidadáns que o desexen, poderán, a partir de agora, escoller a qué ONG, país e proxecto concreto desexan destinar as súas aportacións económicas.
Mediante esta innovadora “fórmula”, na que se empregan as novas tecnoloxías para financiar programas de cooperación con distintas ONG, os doantes poden escoller o proxecto en función da súa ubicación xeográfica, da actividade que le leve a cabo (subministro de auga, alimentos, educación, hixiene...) ou da institución que o desenvolva, vía Internet, a través da súa páxina web, www.apadrinaunproyecto.com.
Neste sitio, os cidadáns poden escoller entre distintos programas de axuda ós necesitados e facer as súas aportacións económicas para contribuír, entre outras cousas á reinserción social dos mozos da rúa en Luanda (Angola), á creación de emprego para a muller no sector pesqueiro en Senegal ou á mellora dos servizos de saúde nos campos de refuxiados palestinos.
Ata o de agora, na páxina web existen nove organizacións distintas que veñen de presentar 21 tipos de proxectos, aínda que o presidente da entidade organizadora, José Hernández, asegurou que “o obxectivo é superar o cento nun ano e en máis de 30 países”.
Os cidadáns que decidan facer a súa aportación económica, teñen a seguridade de contar cunha supervisión externa que garante que a doazón chegue ó seu destino por medio da figura do “Defensor do doante” e asimesmo, estes recibirán completa información de xeito periódico sobre o progreso dos proxectos nos que se investiron os seus cartos. Ademais, as organizacións que forman parte desta iniciativa a través da Rede, ou ben obtiveron (como requisito imprescindible) a acreditación “ONGD Calificada” da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), ou ben son unha congregación misioneira, ou están sometidas ó control da Fundación Lealtad.

PUBLICIDADE