Mulán estrearase directamente en Disney+ a un prezo de 21,99 euros

martes, 25 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de mes Disney sorprendía anunciando que o seu adiado filme de acción real Mulán non se estrearía en salas de exhibición despois de varios cambios de calendario por mor da pandemia, optando por empregar esta produción para comprobar fórmulas de comercialización alternativas, que desta volta sería a estrea directa en Disney+, aínda que non dentro do catálogo xeral do servizo de vídeo baixo demanda, senón tendo que pagar unha cantidade adicional significativa, que nos EE.UU. sería de 29,99 dólares.
Finalmente Disney+ anunciou como será esta estrea en España, onde teremos a nova película de Mulán a partir do 4 de setembro a través dun Acceso Premium de 21,99 euros, o que desbloqueará o filme nunha versión en ultra alta definición e con son Dolby Surround a xeito de primicia, precisando dunha subscrición activa, durante a que será posible ver Mulán todas as veces que se queira, ou sexa, que non se trata dun aluguer, senón un acceso prioritario a esta produción antes da súa incorporación ao catálogo xeral de Disney+ (que será dentro duns meses).
Este experimento é unha medida desesperada de Disney, compañía que está a contabilizar perdas millonarias en boa medida pola caída de ingresos nas súas divisións de parques de atraccións e vendas de produtos (que derrubouse un 85%), e que busca así reactivar o seu negocio cinematográfico nun momento no que os cines están pechados en boa parte do mundo ou teñen unha capacidade limitada e un público moi reticente a acudir ante o perigo de contaxio da COVID-19 nun recinto pechado.
Aínda que polo momento non hai ningún outro filme que vaia estar dispoñible nun Acceso Premium en Disney+, dende as salas cinematográficas temen que este formato sexa cada vez máis popular, de xeito que no futuro podería converterse na norma a estrea simultánea en salas e no mercado doméstico, aínda que cun prezo elevado neste segundo (cantidade que está por ver se os consumidores están dispostos a soportar).

PUBLICIDADE