Mozilla, Opera e Google toman medidas contra Avast por actuar a xeito de spyware

mércores, 18 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Durante anos o software de seguridade informática de Avast foi todo un referente nos escritorios informáticos por contar cunha versión de balde que mantiña un mínimo de seguridade nos equipos, algo que actualmente pode facerse co propio software integrado en Windows 10, polo que o software de seguridade foi perdendo relevancia, aínda que iso non significa que o antivirus de Avast deixase de ter unha base de usuario moi ampla (fálase duns 400 millóns), de aí que resultase alarmante que Wladimir Palant (desenvolvedor de Adblock Plus) denunciase que o software de Avast que instalamos como antivirus ten un comportamento máis semellante ao que sería o software espía.
O software de seguridade leva moito tempo integrándose no noso navegador web, como un xeito de protexernos das ameazas en liña, pero estas extensións do navegador estarían a recompilar información sobre a navegación do usuario, de xeito que dende Avast coñecerían cantas pestanas do navegador temos abertas, que páxinas visitamos e cando, canto tempo pasamos consumido cada contido, onde facemos clic e cando saltamos entre pestanas. E aínda que esta información estaría supostamente anonimizada, Palant asegura que é relativamente doado desanonimizar boa parte dos contidos recollidos.
Como consecuencia das acusacións realizadas, tanto Mozilla como Opera eliminaron rapidamente as extensións de Avast das súas tendas dixitais, e, finalmente, Google tamén fixo o mesmo na Chrome Web Store, na que xa non podemos atopar as extensións Avast SafePrice, Avast Online Security e AVG SafePrice (curiosamente aínda manteñen a extensión AVG Online Security).
Avast estaría a vender datos dos seus usuarios dende hai moito tempo, o que para moitos é todo un escándalo, xa que vai na dirección contraria ao que parece que vende a compañía (protexer a seguridade do usuario), pero cómpre lembrar que o feito de que estes datos se entreguen sen identificar aos usuarios pode dar certa tranquilidade, xa que a transformación dos datos en bruto a datos persoais non sería nada doada, polo que podemos entender que non estamos ante un caso no que as autoridades teñan que entrar, xa que a lexislación de protección de datos non se vulneraría (agás que se demostrase unha neglixente protección dos datos do usuarios).

PUBLICIDADE