Movistar distribuirá en España a Surface 3 con 4G

mércores, 1 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Hai 3 meses Microsoft anunciou a súa tableta Surface 3, que viña a coller o relevo das anteriores tabletas con Windows RT, pero optando agora a funcionar cun Windows 8.1 completo e actualizable a Windows 10, e aínda que ao chegar a España decepcionou cos seus prezos (demasiado próximos aos da Surface Pro 3) parecía un produto bastante interesante para os que busquen un equipo de grande portabilidade ao que lle faltaba un detalle que se solucionará en breve, xa que Microsoft confirma agora que está a comezar a distribución europea do seu modelo con 4G.
A tableta Surface 3 comezará a venderse o venres en Alemaña e Reino Unido, para chegar despois a Francia e España, detallándose que a compañía que comercializará a versión LTE da Surface 3 no noso territorio será Movistar, o que podería ser de especial interese para usuarios corporativos, que poden ver na Surface 3 unha solución informática móbil moi versátil.
A Surface 3 con 4G chegará en 2 configuracións con 4 GB de RAM e 64 e 128 GB de almacenamento interno respectivamente, contando en ambos casos con Windows 8.1 (actualizable a Windows 10) buscando así funcionar coma un ordenador portátil cando se ten conectado á súa funda con teclado, ou como tableta con stylus cando se desprende de tal accesorio.

PUBLICIDADE