Motorola Spice: orixinal móbil con Android, compacto e con superficie traseira táctil

mércores, 6 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Non todos os usuarios gustan dos terminais telefónicos de grande tamaño á vez que tamén queren gozar das prestacións avanzadas que achega o sistema operativo Android, de aí que existan dispositivos coma o Sony Ericsson X10 mini e tamén o novo Motorola Spice, que cunhas dimensións de 97 x 61 x 16,8 milímetros e un teclado QWERTY deslizante pretende combinar un deseño compacto coa produtividade que permiten os teclados físicos.
O Motorola Spice tamén conta cunha pantalla táctil de 3 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles, conectividade HSDPA e Wi-Fi, GPS, cámara de 3 Mpíxeles e unha superficie traseira táctil chamada BACKTRACK, que facilita a navegación e o desprazamento por páxinas web sen ter que colocar os dedos diante da pantalla obstaculizando a visión da mesma.
Este novo móbil con Android 2.1 (incluíndo o acceso ao Android Market e coas principais aplicacións de Google precargadas) chegará ao mercado no último trimestre do ano, sen concretarse aínda o seu prezo.

PUBLICIDADE