Motorola Backflip, outro móbil con Android

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O terminal coñecido coma Motus finalmente foi presentado no CES de Las Vegas coma o Motorola Backflip, que é un móbil semellante ao Motorola Dext, pero cambiando o xeito de mover o seu teclado QWERTY, que neste caso pode xirarse por completo para colocalo de costas á pantalla. Tamén conta cun trackpad na súa parte traseira.
O Motorola Backflip funciona cun procesador Qualcomm MSM7201A a 528 MHz, ten 256 Mb de RAM e 512 Mb de ROM, pantalla de 3,1 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, 2 Gb de almacenamento interno, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED, Wi-Fi, Bluetooth 2.0, GPS, conector para auriculares estándar e batería de 1.400 mAh.
Por outra banda, Motorola tamén realizou un anuncio importante xunto coa presentación deste terminal, como é que actualizará os seus móbiles con Android á versión 2.1 deste sistema operativo, o que agradecerán os seus usuarios, que veranse así máis arroupados que os da competencia, pois as posibilidades de actualización de moitos dos móbiles con Android é toda unha incógnita.

PUBLICIDADE