Moto G10 Power, un móbil económico que promete até 3 días de autonomía

martes, 9 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Motorola continúa a comercializar smartphones a prezos bastante axustados que ofrecen unha experiencia de uso bastante satisfactoria, grazas en boa medida por integrar unha versión de Android limpa e pura, de xeito que non sobrecarga o sistema, e nesta liña porá á venda na India o vindeiro 16 de marzo o Moto G10 Power a un prezo de 9.999 rupias (115 euros), que podería converterse nun grande referente para os que buscan un móbil de entrada cunha boa autonomía, xa que coa súa batería de 6.000 mAh podería chegar a funcionar até 3 días cunha única carga. Amais, este teléfono chega cun cargador USB-C de 20 watts, polo que a súa carga tamén é relativamente rápida.
O Moto G10 Power funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 460, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB), presenta unha pantalla Max Vision HD+ de 6,5 polgadas, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, a cámara frontal de 8 Mpíxeles está albergada nunha pequena pestana superior central e incluso conta con protección IP52.
Un terminal económico e con boas prestacións, que confiamos en que pronto chegue ao mercado español.

PUBLICIDADE