Motel Valkirias recibe o Premio CIRCOM na categoría de entretemento e ficción

venres, 2 de xuño do 2023 Redacción

O director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, recolleu a pasada noite o Premio CIRCOM 2023 outorgado á serie da Televisión de Galicia Motel Valkirias, recoñecida no apartado de entretemento e ficción. Esta coprodución da galega CTV e a lusa SPi (para a TVG e a RTP) acada así o décimo premio internacional para a canle pública galega, todos eles logrados desde 2012. Arias estivo acompañado por Ghaleb Jaber Martínez, director da produtora CTV.
Estes premios, que recoñecen desde hai máis de 30 anos as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas, foron entregados no transcurso dunha gala conducida pola periodista e presentadora de EITB Nerea Reparaz e celebrada no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM, a asociación das televisións rexionais públicas europeas, que está a celebrarse en San Sebastián.
Motel Valkirias é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un western fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota e Maria João Bastos, contando tamén coa presenza dos galegos Miguel Borines, Chechu Salgado, Miro Magariños e Vicente Mohedano. Aparte da súa emisión nas canles públicas tamén é posible ver Motel Valkirias en HBO Max en España e Portugal.

PUBLICIDADE