Mortadelo y Filemón: Operación Moscú chegará a Steam o mes que vén

mércores, 14 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A xente de Alcachofa Soft publicou entre 1998 e 2003 unha serie de xogos de Mortadelo e Filemón, das que este mesmo ano Erbe Software publicou en Steam El Sulfato Atómico, La banda de Corvino e Una Aventura de Cine, é aos que sumarase o vindeiro 6 de setembro Mortadelo y Filemón: Operación Moscú, que editara Zeta Games en 2001.
Esta serie de xogos foi todo un éxito (El Sulfato Atómico ingresou 50 veces o investido no seu desenvolvemento, demostrando a forza da franquía de Francisco Ibáñez) e agora recupérase en formato descargable, de xeito que os amantes dos point & click teñen máis doado facerse cuns títulos que en soporte físico carecerían de sentido a día de hoxe.
Mortadelo y Filemón: Operación Moscú insta ao xogador a guiar a Mortadelo e Filemón nunha misión para infiltrarse no Museo Nacional de Moscú para conseguir o Libro Sagrado de Ra-Amón antes de que caia en mans dunha seita que quere empregalo para fins malvados. Como curiosidade, o xogo tamén conta cun modo multi-xogador local, no que cada usuario pode manexar a cada un dos protagonistas.

JPEG - 93.2 KB
O xogo é unha clásica aventura point & click

Vídeo promocional do xogo

PUBLICIDADE