Monument Valley 2 chegará a Android o 6 de novembro

mércores, 18 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Grande nova para os amantes do xogo Monument Valley, que o pasado mes de xuño estreou secuela para iOS, xa que finalmente os seus desenvolvedores anuncian que o 6 de novembro terá versión para Android, de xeito que Monument Valley 2 chegará a un público máis amplo, e dun xeito tradicional, fuxindo da fórmula do free-to-play e ofrecéndose como un título polo que pagar 5,49 euros para gozar da súa experiencia completa. Os interesados en facerse co xogo xa poden inscribirse en Google Play para recibir unha notificación en canto estea dispoñible para a súa adquisición.
O que fora considerado o mellor xogo para iOS en 2014 reinvéntase introducindo un cambio na súa mecánica: desta volta en vez de controlar a unha princesa silenciosa por un mundo de arquitectura imposible teremos que guiar a unha nai e a súa filla a través de arquitecturas máxicas nas que descubrir camiños imposibles e asombrosos quebracabezas. Un lixeiro cambio que permite que esteamos ante un xogo con nome de seu e nun cunha expansión, mantendo os seus coidados apartados visual e sonoro, para que botar unha partida a Monument Valley 2 sexa tanto un pasatempo como unha experiencia relaxante pola beleza que presenta.

Tráiler de presentación da versión para Android de Monument Valley 2

PUBLICIDADE