Monster Hunter: World estrea versións para PS4 e Xbox One

venres, 26 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Hoxe chega a PlayStation 4 e Xbox One un dos xogos de Capcom máis importantes de todo o ano, que na súa versión para PC farase esperar até o outono de 2018. Falamos de Monster Hunter: World, última entrega dunha franquía que vendeu máis de 40 millóns de copias en todo o mundo, e que desta volta dá un importante paso adiante ao permitir que o público xaponés (moi fiel a esta saga) e o occidental poida xogar conxuntamente en liña.
O xogo permítenos cazar e exterminar monstros xigantescos nun incrible ecosistema vivo e dun nivel gráfico espectacular, que tanto pode gozarse en solitario ou acompañado con outros 3 cazadores en cooperativo, sendo incluso posible pedir axuda a outros grupos de xogadores durante as partidas en solitario.
En Monster Hunter: World séguese a aventura dos Dragóns Anciáns no inicio da súa década migratoria a través do mar cara a unha terra coñecida como o Novo Mundo, e como parte dunha comisión de investigación do gremio de cazadores os xogadores deberán embarcarse nunha grande aventura cara a este inmenso e misterioso territorio. Como grande obxectivo estará Zorah Magdaros, un colosal Dragón Ancián que se alza sobre a terra como un volcán.
Esta nova entrega da saga procura ser máis accesible que as anteriores, cun sistema de progresión no que os desafíos irán medrando en función dos avances que vaiamos facendo, sendo posible empregar tamén o contorno para crear trampas.
Tamén é digno de mención que Capcom continuará a recibir contidos de balde despois do seu lanzamento, entre os que destaca en PlayStation 4 un contido especial inspirado no xogo Horizon Zero Dawn.

Tráiler de lanzamento de Monster Hunter: World

PUBLICIDADE