Monster Hunter 3 Ultimate sairá o 22 de marzo en Europa

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Unha das grandes bazas de Nintendo para os vindeiros meses é o feito de que conseguise que Monster Hunter 3 Ultimate vaia ser un xogo exclusivo para as súas consolas, confirmando agora que estará dispoñible o vindeiro 22 de marzo para Nintendo 3DS e Wii U, o que supón a estrea desta saga en 3D e alta definición respectivamente e que dende o 21 de febreiro contará tamén con versión de demostración de balde descargable dende a Nintendo eShop.
Este xogo de caza de monstros xa superou no Xapón os 2 millóns de copias vendidas e conseguiu unha magnífica puntuación por parte da revista Famitsu (que valorouno cun 38 sobre 40) polo que o éxito desta superprodución de Capcom en Europa parece garantido.
A versión para Wii U do xogo ofrecerá uns incribles gráficos en alta definición e incluso tirará proveito do novo mando da consola de Nintendo, permitindo tamén o uso do micrófono e o chat do mando para establecer comunicacións con outros xogadores. A versión para Nintendo 3DS pola súa banda optará por aproveitar as tres dimensión para conseguir unha nova experiencia de xogo.
Monster Hunter 3 Ultimate tamén terá funcionalidades multixogador, coa posibilidade de xogar con ata 4 xogadores na versión de 3DS facendo uso da conexión local, e tamén con 4 xogadores na versión de Wii U (aínda que neste caso xogando en liña) sendo posible tamén a competición entre usuarios de Wii U e 3DS a través da conexión local.

O xogo conserva a súa clásica mecánica de caza de monstros, pero cun nivel gráfico moi superior ao de anteriores entregas


Trailer de Monster Hunter 3 Ultimate

PUBLICIDADE