Monet amosa o seu potencial perante a Rede Galega de Business Angels

venres, 18 de decembro do 2015 Redacción

A iniciativa tecnolóxica Monet, da que falamos en Código Cero para salientar a súa inclusión os proxectos premiados na primeira entrega de Galicia Open Future, vén de participar nun encontro de traballo de captación de investimento onde amosou os seus plans de desenvolvemento vindeiros. Na xuntanza tamén fixeron acto de presenza o director xeral de Xesgalicia, Juan Cividanes, representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), os impulsores das iniciativas empresariais Cetalga e Xaraleira e os integrantes da Rede Galega de Business Angels, organizadora da xeira de traballo. Diante dos membros desta Rede (integrada por profesionais de Red Invest ou do Club de Investidores do Clúster TIC, entre outras entidades), os tres proxectos empresariais amosaron o miolo da súa actividade e máis os seus plans vindeiros de mercado.
Monet Viticultura, como lembraremos, é unha empresa constituída o ano pasado en Pontevedra que ofrece ferramentas TIC para unha viticultura de precisión, unhas ferramentas que permiten predicir o risco de doenzas da vide e facilita a rápida toma das decisións axeitadas. Conta arestora con sete traballadores e dispón de financiamento de Vigo Activo e da Empresa Nacional de Innovación (ENISA). Segundo fixo saber no almorzo, aspira “a incorporar un novo investidor para seguir medrando para prestar servizos, o ano próximo, a empresas adegueiras de toda España”.
Xaraleira é un proxecto emprendedor localizado en As Pontes que na actualidade dispón de 1.800 metros cadrados de superficie produtiva adicada á cría e distribución de micromamíferos como mascotas ou como alimento; con 8 traballadores, a empresa ten en marcha plans para seguir medrando.
Celtalga naceu como spin-off da Universidade de Santiago para investigar, producir e distribuír extractos de algas para o sector cosmético. A empresa conta con tres socios e está a buscar investidores que se sumen a Xesgalicia para impulsar plans de medre e estender as súas patentes para Europa a mercados de Asia e América.

PUBLICIDADE