Moncho Núñez será recoñecido co Premio RAGC de Divulgación Científica 2021

venres, 18 de xuño do 2021 S. P.

Ramón Núñez Centella, sen dúbida un dos grandes comunicadores científicos de Galicia e do ámbito estatal, vai ser recoñecido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co Premio RAGC de Divulgación Científica 2021. A entidade quere distinguir desta maneira a súa “ampla e frutífera traxectoria” no devandito ámbito de traballo e en particular, o seu labor pioneiro na creación de espazos expositivos de carácter científico na comunidade galega e no resto de España (foi o artífice dos tres museos científicos coruñeses, entre outros fitos históricos). O considerado promotor da nova museoloxía científica no eido estatal, mostrouse “emocionado e sumamente agradecido” polo recoñecemento que considera o máis importante da súa vida profesional.
Núñez Centella salientou tamén o valor que para el ten a RAGC, institución que contou entre os seus fundadores con persoas que foron mestres ou referentes na súa xuventude, como Luis Iglesias, Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal ou Domingo García Sabell.
Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946) é divulgador científico. Fillo, neto e bisneto de mestres. Moncho Núñez mudou a súa orientación profesional da industria química á educación das ciencias e logo á divulgación e mais á museoloxía.
É licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Master of Arts en Educación das Ciencias pola New York University (NYU). Concibiu e deseñou os tres museos científicos coruñeses de titularidade municipal –Casa das Ciencias, Domus (Casa do Home) e Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes)–, creados e financiados polo Concello da Coruña, desde a súa creación ata 2008.
Logo realizou o Plan Museolóxico do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España (MUNCYT), que se inaugurou na Coruña, e dirixiuno ata 2013. Tamén participou no deseño museolóxico doutros centros, como o Museo de las Cièncias de Valencia e o Museo de la Evolución Humana en Burgos. Está considerado como o impulsor da nova museoloxía científica en España.
Director, autor de guións, escritor e articulista
Moncho Núñez é director e autor do guión de decenas de exposicións e programas de planetario. Segundo explica a RAGC, alén do seu labor en museos, “contribuíu á educación e divulgación da ciencia con centenares de artigos en prensa, sendo colaborador habitual en diversos medios de comunicación, como a revista Muy Interesante”. Tamén fixo divulgación científica en programas de radio e televisión e outros formatos. Ademais, participou en numerosas conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación, didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da ciencia. É autor de libros como Nombres Comunes, Visiones Propias, Esta es mi gente ou Un científico en la cocina. Foi Premio Nacional de Periodismo Científico e membro, entre outras institucións, da Asociación Española de Comunicación Científica, da Academia de Gastronomía de Galicia, da New York Academy of Sciences e da Royal Institution. Ten, entre outros, o premio Mario Bohoslavsky (2000), e o premio de divulgación JM Savirón (2009).


PUBLICIDADE