Mobilización na Rede para impedir as fumigacións que danan ás abellas

martes, 24 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Unha boa parte da Rede galega semella estar pechando fileiras estes días arredor dunha actividade de mobilización en liña concreta: a recollida colectiva de sinaturas para loitar contra a vindeira fumigación de pesticidas programada para a nosa terra, unha acción destinada a controlar a praga do goniptero, que é un insecto que afecta especialmente ás plantacións de eucaliptos. Pola contra, e segundo advirten os responsábeis desta campaña (que vén da man de Manuel Casal e está apoiada por ADEGA ou Verdegaia), o pesticida non só vai levar por diante a dita praga, senón tamén ás abellas que se atopen neses montes.
Segundo advirten as ditas asociacións, o produto a empregar é o Cascade, que é seguro para o medio ambiente e para as persoas segundo sinala ASPAPEL (os fabricantes de papel que promoven a fumigación), pero moi prexudicial segundo advirten as entidades ecoloxistas. Para corroboralo recordan que un dos seus principios, o flufenoxurón, está arestora prohibido pola Unión Europea.
A campaña en liña leva recollidas xa case 4.400 sinaturas, sendo o obxectivo recoller 600 máis para acadar a máxima eficacia da iniciativa. Esta vén da man, como dixemos, de Manuel Casal e da Plataforma contra as Fumigacións – Por un Futuro sen Pesticidas, que ten páxina web de seu. A Rede galega ferve estes días de información sobre o problema dos pesticidas para as abellas, tal e como nos recordan dende Verdegaia:
· Comunicado coa posición da Asociación Galega de Apicultura.
· Comunicados da devandita Plataforma contra as Fumigacións.
· Postura de asociacións como Perros Adopción, Mundo Galiza ou da Federación Rural Galega, entre outras moitas.
· Sobre a prohibición do insecticida que se pretende empregar, comunicados da Unión Europea (pdf), de Higiene Ambiental (pdf), ou de Portalreach.info.

PUBLICIDADE