Mobilización na Rede para enviar unha canción en galego de xeito colectivo o 17 de maio
venres, 13 de maio do 2011
A festa das nosas Letras do 17 pódese celebrar
de moi diversas maneiras, pero se cadra unha das que veñen máis a conto é a
través das redes, tendo en conta que o 17 tamén se celebra o Día de Internet.
E, se finalmente optamos por este vieiro dixital, que mellor que tirarlle
partido ás redes sociais e facemos que a nosa mensaxe de defensa da lingua
galega chegue á meirande cantidade de recantos posibles? Esta é a estratexia de
Agasallo sincronizado para o mundo, iniciativa da que xa falamos o outro día nesta web
e que vén de coller novos folgos coa participación directa de máis de 800 usuarios
dos ditos servizos 2.0. O seu cometido será o seguinte: o día 17 enviarán un
correo electrónico cunha canción na nosa lingua para facer que o galego se
escoite en todo o mundo. De aí o de “agasallo
sincronizado”. A proposta está aberta a quen desexe unirse aos apoios xa
confirmados.
Con todo, informan os responsables da
proposta, o proxecto non consiste só en enviar unha melodía. Co apoio das redes
sociais e máis GalegoLab, a plataforma en liña
de promoción colectiva do galego, ate ó día 17 preténdese animar aos
internautas a coller a partitura orixinal do devandito tema e facer a súa
propia versión. Por certo que melodía xa está dispoñible na Rede, para quen queira enriquecela.
Segundo se pode ver na web principal da
iniciativa, un espazo específico na páxina de YouTube, arestora xa foron
achegadas unha ducia de versións, compartindo a mesma base pero con múltiples
particularidades. De feito, veñen da man dun ben variado abano de artistas,
entre os que se conta a Tuna de Santiago, Alba Messa ou Tonhito de Poi e Milo
Romero.
Para quen queira participar na iniciativa sen
canción, só como internauta implicada ou implicado, dicirlle que o día 17 terá
que escoller a súa versión preferida e enviala aos seus contactos como forma de
celebrar o Día das Letras Galegas e facer que a nosa lingua se escoite en todo
o mundo. “A proposta non é facer spam (envíos
masivos e indiscriminados de correos electrónicos)”, sinalan os
responsables da mobilización, “senón
ofrecerllo de xeito agarimoso a quen o saiba apreciar”.
Logo, quen reciba o correo e escoite a canción
compartirá un xesto repetido milleiros de veces ó longo de moitos quilómetros.
Como a súa promotora Eva Wojkiewicz quere
salientar, os obxectivos da convocatoria son demostrar en positivo:
1.-Que a nosa lingua está viva.
2.- Que non é soamente cousa de vellos.
3.- Que somos moitos os que a defendemos
estando ao día e utilizando os medios máis modernos como a Internet e as redes
sociais.