Móbiles máis resistentes con Corning Gorilla Glass 6

xoves, 19 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A popular tecnoloxía de protección de pantallas de Corning estrea unha nova xeración, Corning Gorilla Glass 6, que permitirá crear os paneis de vidro para móbiles máis resistentes até o momento, buscando así paliar unha das meirandes preocupacións dos usuarios de smartphones: a rotura da súa pantalla tras unha caída. Con Gorilla Glass 6 conséguese que as pantallas dos móbiles sobrevivan a caídas de aínda maior altura que Gorilla Glass 5 e, como detalle bastante importante, tamén está deseñado para soportar múltiples caídas (nas probas conseguían sobrevivir de media a 15 caídas a unha altura dun metro).
Dende Corning lembran que a súa tecnoloxía non só é práctica para os cristais que protexen as pantallas dos móbiles, senón que tamén teñen cada vez unha maior presenza na parte traseira dos teléfonos, xa que moitos terminais están abandonando as partes metálicas para poder permitir a carga sen fíos, facilitando así até o perseguido futuro sen cables.
Os smartphones actuais teñen cristal en máis do 85% do seu exterior, de aí que sexa moi importante que este material sexa de grande resistencia, para manter a súa integridade no seu uso cotián.

PUBLICIDADE