Millóns de contrasinais de usuarios de Facebook e Instagram almacenáronse de xeito inseguro

xoves, 21 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dende Facebook anuncian que, nunha revisión de seguridade rutineira en xaneiro detectaron que algúns contrasinais de usuarios almacenábanse nun formato lexible dentro dos seus sistemas internos de almacenamento de datos, fallo de seguridade que corrixiron e agora prepáranse para alertar aos usuarios afectados por este fallo de seguridade que facilitaba que traballadores de Facebook puidesen ter acceso a contrasinais sen enmascarar.
Estiman que haberá centos de millóns de usuarios de Facebook Lite e milleiros de usuarios de Instagram afectados por este fallo de seguridade, polo que este incidente afectaría principalmente a mercados emerxentes.
Aínda que non teñen motivos para pensar que se puidesen ter filtrado contrasinais de usuarios con malas intencións, é recomendable que os usuarios de Facebook e Instagram afectados muden os seus contrasinais e procuren non reutilizar contrasinais en distintos servizos; tamén recomendan utilizar contrasinais complexos en todas as contas (para o que é moi recomendable empregar aplicacións de xestión de contrasinais); e tamén recomendan empregar unha chave física de seguridade ou un sistema de identificación en dous factores que protexan a nosa conta ante ameazas de seguridade deste tipo (de xeito que non chegará con saber un contrasinais para facerse co control dunha conta de usuario).

PUBLICIDADE