Millennials 2019 ofrece á mocidade pontevedresa dez destacados cursos TIC

mércores, 17 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Aínda estamos a tempo para participar nas actividades formativas (dez cursos) programadas ao abeiro do Proxecto Millenials 2019 da Deputación de Pontevedra, un plan dirixido á mocidade da provincia para mellorar a súa empregabilidade con, basicamente, un amplo abano de contidos TIC (cada contido, un xeito de reforzárense perante o mercado laboral).
O programa, impulsado tamén pola Escola de Organización Industrial, desenvolverase até decembro en Pontevedra, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía. Está dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos. Abordaranse, de cheo, cuestións como o comercio electrónico, como visualizar empresas en buscadores, como dar forma a un videoxogo ou como dominar a impresión 3D.
En Pontevedra desenvolveranse tres cursos: Creación e xestión de tendas en liña", que será no Edificio Administrativo da Deputación do 23 de xullo ao 22 de outubro, e de 316 horas; Márketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análises de tráfico web, no Centro Príncipe Felipe, do 23 de xullo ao 8 de outubro, de 266 horas e Xestión de fidelización de establecementos turísticos, que tamén terá lugar no Príncipe Felipe do 23 de xullo ao 10 de setembro, con 166 horas.
Por outra banda, Vigo acollerá cinco accións formativas, que serán na sede da Deputación na cidade. Trátase de Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 16 de decembro; Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo), da mesma duración, entre o 23 de xullo ao 17 de outubro; Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e iOS)", tamén de 316 horas e que se desenvolve entre do 23 de xullo ao 22 de outubro; Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0, de 312 horas entre o 16 de setembro e o 16 de decembro e, por último, Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos, con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 31 de outubro.
En Vilagarcía (Matosiños) celebrarase o curso Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, cun total de 316 horas, entre o 16 de setembro e o 19 de decembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp do 23 de xullo ao 23 de outubro, cun total de 316 horas.
As inscricións poden facerse a través da web da EOI e as persoas interesadas poden obter maior información a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).

PUBLICIDADE