Microsoft reducirá as comisións na súa tenda de xogos para PC

xoves, 29 de abril do 2021 Marcus Fernández

Microsoft deu conta do seu compromiso co mundo dos videoxogos para PC, tanto cos xogadores coma cos desenvolvedores, nunha estratexia que sorprendeu a moitos nos últimos anos, xa que entende que o ecosistema de Xbox non se limita á súa consola, senón que tamén abarca aos ordenadores con Windows 10, de aí que realicen grandes investimentos na creación de xogos para PC.
Neste escenario anunciaron que o xogo Halo Infinite contará con xogo cruzado e progresión cruzada no multixogador (ou sexa, que será indiferente xogar en Xbox ou en PC), que Halo: The Master Chief Collection superou os 10 millóns de xogadores a través de Xbox Game Pass para PC e, como auténtico bombazo, que a partir do 1 de agosto a Microsoft Store pasará de ofrecer do 70% ao 88% dos ingresos netos aos desenvolvedores, ou sexa, que sitúan as súas comisións na liña das ofrecidas pola tenda de Epic Games, separándose das estruturas de comisións que a App Store e Steam converteran na norma (o 30%).

PUBLICIDADE