Microsoft recorda en Santiago que a súa aposta a prol do open source é firme

xoves, 29 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Microsoft, unha multinacional que nos últimos tempos está a amosar un cambio de rumbo importante cara a tecnoloxía aberta e colaborativa, estivo hoxe representada en LibreCon por José Ángel Fernández, técnico da compañía e experto no ámbito da Internet das Cousas. Precisamente de obxectos conectados e de solucións Microsoft para eles e os seus usuarios é do que falou o relator, quen lembrou até que punto a multinacional de Redmond está hoxe en día involucrada coas organizacións que desenvolven protocolos estándar para a comunicación e transmisión dos datos no ámbito da Internet das Cousas (IoT), organizacións open source, dixo, que teñen solucións axeitadas e cousas coas que é importante cooperar. Entre outros motivos, para non duplicar esforzos e para achegar produtos (por provir de colaboracións especialmente amplas) mellor acabados, explicou. A estratexia actual de Microsoft, sinalou, “pasa pola colaboración”.
A súa intervención xirou en boa medida arredor de Windows Azure, a solución na nube de Microsoft, na súa vertente de dar servizo ás contornas IoT. Falou tamén de ConnectTheDots, produto open source da compañía de Windows, moi acaido para a revolución tecnolóxico-dixital na que estamos mergullados e cuxa principal característica é que axuda a empregar os nosos dispositivos, sexan do tipo que sexan, para dar soporte e forma a solucións estábeis para a Internet das Cousas.
Segundo fixo saber José Ángel Fernández nun plano máis xenérico e menos técnico, “a tecnoloxía e o futuro” e quen non pense nela para a súa industria, “vaino ter complicado”. Microsoft aposta por iso, dixo, “por levar os negocios ao futuro e por poñer á súa disposición unha nube aberta”. Sinalou tamén, para visualizar a dimensión que a tecnoloxía sen cancelas está a adquirir na súa compañía, que da gama de servizos que se poden executar en Azure, unha gran maioría son ferramentas e aplicacións libres. O relator lembrou tamén que a empresa está a buscar a día de hoxe centos de enxeñeiros e desenvolvedores open source para engrosar as súas fileiras de profesionais.

PUBLICIDADE