Microsoft presenta un portátil con pantalla de 12,4 polgadas

xoves, 1 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Os equipos portátiles de Microsoft teñen cada vez unha maior aceptación, e atendendo á súa demanda presentan agora unha alternativa compacta ao Surface Laptop 3 (con pantallas de 13,5 e 15 polgadas), o Surface Laptop Go, que cunha pantalla táctil PixelSense de 12,4 polgadas, un peso de 1.110 gramos e unha autonomía de até 13 horas pode resultar atractivo para usuarios que precisan dunha alta mobilidade.
Pese ao reducido tamaño da súa pantalla, estamos ante un equipo cun trackpad amplo e un teclado completo (cun percorrido de teclas de 1,3 milímetros), de xeito que o seu uso resulta áxil e confortable. Tamén permite a identificación do usuario mediante Windows Hello grazas a un botón de acendido que integra lector de impresións dixitais (que pode aproveitarse para protexer arquivos persoais almacenados en OneDrive).
O Surface Laptop Go conta cun procesador Intel Core i5 de 10ª xeración con até 16 GB de RAM e 256 GB de SSD, cámara de alta definición, micrófono Studio Mics, altofalantes Omnisonic con son Dolby surround, portos USB A e USB C, toma para auriculares e conector de carga Surface.
Actualmente está dispoñible para a súa reserva a un prezo de 629 euros para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 799 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e 999 euros para o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. Chegará ás tendas o vindeiro día 27.

Estes novos portátiles teñen un deseño elegante, están fabricados con materiais de calidade e están optimizados para o seu uso en mobilidade

PUBLICIDADE