Microsoft presenta o seu novo sistema operativo en catalán

martes, 1 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

JPEG - 38.4 KB
Carles Grau e María Garaña, responsables de Microsoft a nivel catalán e español

Microsoft vén de subir hoxe un novo e importante chanzo para o afianzamento da súa presenza no mercado catalá. E faino, precisamente, do xeito máis lóxico posible: falando a súa lingua. Máis polo miúdo, e á espera de que a multinacional faga o propio con nós os galegos (que, sexamos ou non usuarios dos produtos de Microsoft, temos lingua propia e queremos que se respecte e se traballe por ela), o movemento de ficha da multinacional de Redmond nos Països ten que ver co seu novo sistema operativo, o Windows 7, que foi presentado hoxe mesmo na lingua catalá.
A idea de Microsoft é a de achegarse un pouco máis a un mercado en absoluto desprezable, o catalán falante, arestora constituído por máis de 10 millóns de persoas. A nova ferramenta informática foi dada a coñecer pola presidenta da división española da multinacional, María Garaña, quen incidiu en que a tradución propiamente dita do sistema operativo virá acompañada dunha serie de iniciativas encamiñadas “a apoiar a difusión e o emprego do idioma catalán no eido das novas tecnoloxías da información”.
Entre estas iniciativas inclúese a posta en circulación de computadores netbooks personalizados así como unha “completa renovaciónda páxina web de Microsoft en Catalunya, con máis contidos na devandita lingua.
A xuízo desta multinacional, o compromiso dado a coñecer hoxe responde á elevada penetración que as novas tecnoloxías acadan no país, cunha porcentaxe de poboación do 71% operando decote cun computador e unha taxa do 60.1% de internautas habituais. A isto hai que engadir, sinala a multinacional, o bo estado de saúde da lingua catalá nos diferentes espazos dixitais, unha presenza importante que se pon de manifesto na súa pegada blogueira (o catalán é o oitavo idioma do mundo con meirande influencia no eido das bitácoras e o decimoquinto máis presente na Wikipedia).
A iniciativa de tradución, inserida no marco da campaña Windows parla catalá, contou coa colaboración da Generalitat e de variadas institucións e socios tecnolóxicos e de negocio da firma creada por Bill Gates. O froito do seu traballo, a tradución do dito sistema operativo, engádese a unha máis que ampla listaxe de produtos catalanizados: tódalas anteriores versións de Windows, a suite de produtividade Microsoft Office, o sistema operativo para móbiles Windows Mobile, a plataforma en liña Windows Live, o explorador Internet Explorer 8 ou o programa para a xestión de relación cos clientes Microsoft Dynamics CRM.
Por certo que a interfaz en catalán do Windows 7 xa se pode descargar de balde dende a web de Microsoft en Catalunya.

PUBLICIDADE