Microsoft presenta novos produtos da familia Surface

mércores, 22 de setembro do 2021 Marcus Fernández

O Surface Go 3 é un equipo compacto e lixeiro que aposta pola portabilidade

De cara ao lanzamento de Windows 11 Microsoft decidiu presentar novos equipos da familia Surface (caracterizada pola súa versatilidade, deseño e calidade de materiais) que irán chegando ao mercado entre o mes que vén e primeiros de 2022.

O Surface Go 3 é un dos equipos máis salientables dos presentados, por ser un 2 en 1 con pantalla táctil de 10,5 polgadas que supón unha grande mellora en velocidade (até un 60%) , e que pode configurarse cun procesador Intel Core i3-10100Y ou un Pentium Gold 6500Y e até 8 GB de RAM, podendo achegar a súa batería até 11 horas de autonomía, de aí que se entenda o Go do seu nome como unha aposta pola mobilidade, o que resulta evidente polos seus só 544 gramos de peso e a conectividade LTE opcional.
Amais, este equipo tamén conta cun par de cámaras Full HD e micrófonos de longo alcance, polo que sería un ordenador apto para o contexto actual no que as videoconferencias son un elemento cada vez máis cotián.
O Surface Go 3 chegará ao mercado o 5 de outubro a un prezo que parte de 439 euros (para o modelo con procesador Intel Pentium 6500Y, 4 GB de RAM e 64 GB de SSD), mentres que o modelo máis completo custaría 679 euros (cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de SSD).

Vídeo promocional do Surface Go 3

Un smartphone con dúas pantallas

Outro dispositivo interesante sería o smartphone Surface Duo 2, a curiosa aposta de Microsoft por un teléfono móbil con dobre pantalla, que permite innovacións a nivel de interface de uso sen ter que empregar pantallas flexibles. Aínda que esta solución de Microsoft sexa máis modesta que os móbiles encartables de Samsung, en prezo aínda é moi semellante, xa que venderase a partir do 15 de novembro a 1.649 euros, aínda que cómpre salientar que estamos ante un produto dirixidos ao mercado profesional. Este dispositivo chegará cun procesador Qualcomm Snapdragon 888 5G, cámara tripla, son estéreo e NFC, e grazas ao software de Microsoft permitirá numerosas posibilidades pese a que esteamos ante un dispositivo con Android en vez de Windows (o que resulta bastante curioso por ser un produto da compañía de Redmond).

Vídeo promocional do Surface Duo 2

Revolucionando o deseño para unha maior flexibilidade

Como exemplo de innovación tamén temos o novo Surface Laptop Studio, a evolución do portátil Surface Book, que sorprende cun deseño no que a pantalla táctil de 14,4 polgadas pode comportarse como a dun portátil ordinario, pero tamén pode abaterse sobre o teclado, achegándose ao usuario e facilitando o seu uso con teclado externo así como o seu uso con lapis dixitalizador (o Surface Slim Pen 2). Este equipo non verá a luz até primeiros de 202.

Vídeo promocional do Surface Laptop Studio

Renovación do catálogo xeral

O Surface Pro X contará con versión Wi-Fi

Outros equipos que se renovan serían o Surface Pro 8 (que incrementa a súa pantalla até as 13 polgadas e sairá a primeiros do ano que vén), o Surface Pro 7+ (que chegará a usuarios domésticos) e o Surface Pro X (que contará tamén cun modelo só Wi-Fi); á vez que tamén se renova o lapis dixitalizador (Surface Slim Pen 2), achegando unha maior precisión e unha experiencia de uso máis próxima á de utilizar un bolígrafo sobre papel.

O Surface Slim Pen 2 é un lapis dixitalizador de grande precisión que persegue dar a impresión de que estamos a utilizar un bolígrafo sobre papel

PUBLICIDADE