Microsoft prepara un teclado con lector de pegadas agochado nunha tecla

venres, 16 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Microsoft está a incorporar ao seu catálogo de accesorios un novo teclado, que vén a ser unha revisión do Surface Keyboard que saíu á venda hai un par de meses a un prezo de 109,99 euros, e que non se limite a poder operar por Bluetooth senón que tamén pode funcionar conectado ao ordenador por cable e, como factor diferencial e innovador, integra a tecnoloxía de identificación biométrica de Windows Hello dun xeito realmente atractivo, xa que a súa segunda tecla de Windows (situada á dereita da barra de espazo) é realmente un lector de pegadas dixitais que pode empregarse para identificarse ante o ordenador.
Este teclado de 420,9 x 112,6 x 19,3 milímetros e 419,3 gramos de peso aliméntase cun par de baterías AAA recargables (que poden durar até 2 meses cunha única carga), e o seu prezo nos EE.UU. será de 129,99 dólares (polo que o seu prezo en España podería ser facilmente de 139,99 euros).

Vídeo promocional do novo teclado de Microsoft

PUBLICIDADE