Microsoft porá á venda o Surface 2 e o Surface Pro 2 o 22 de outubro

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Deseñando e fabricando os tablets da familia Surface dende Microsoft buscaban marcar o camiño a seguir por parte dos fabricantes de hardware de cara a unha boa integración de Windows 8 e Windows RT, e agora que estamos ás portas do lanzamento oficial de Windows 8.1 e Windows RT 8.1 a compañía de Redmond anunciou en New York unha nova xeración dos seus tablets, que o vindeiro 22 de outubro sairán á venda en 22 países entre os que desta volta estará incluído España (de xeito que non teremos que agardar varios meses para gozar desta serie de dispositivos insignia).
Con Surface 2 e Surface Pro 2 temos unha actualización do que xa había no mercado, incrementando a súa potencia de procesamento e a súa autonomía, xunto con outras melloras na resolución das súas pantallas e cámaras e incluso unha evolución do seu pé abatible (Kickstand) que agora soporta 2 ángulos distintos para darlles unha maior versatilidade no escritorio.
Para animar a xente a adquirir un destes novos produtos, dende Microsoft queren dotalos de valor engadido, e os compradores poderán gozar de chamadas de balde a teléfonos fixos a través de Skype durante un ano, acceso de balde á Rede a través dunha rede de máis de 2 millóns de puntos de acceso de todo o mundo e 200 Gb de almacenamento de balde en Skydrive durante 2 anos.

Surface 2 con Windows RT 8.1

O Surface 2 é u sucesor do Surface RT, e chegará cun procesador nVIDIA Tegra 4, cunha pantalla Full HD de 10,6 polgadas, porto USB 3.0, cámaras de 5 e 3,5 Mpíxeles (que poden capturar vídeo Full HD), unha autonomía de ata 10 horas de reprodución de vídeo e mesmo chega a reducir lixeiramente o seu grosor e o seu peso. Funcionará con Windows RT 8.1 (incluíndo Outlook 2013 RT) e venderase con capacidades de almacenamento de 32 e 64 Gb por un prezo que parte dos 429 euros.

Surface Pro 2

Pola súa banda a Surface Pro 2 chega como unha auténtica alternativa a un ordenador portátil, pois funciona con Windows 8.1 e un procesador Intel Core i5 de cuarta xeración, sendo capaz de funcionar con aplicacións de Windows normais (así como coa versión completa de Microsoft Office) que desta volta incrementou a súa autonomía un 60%. Venderase en configuracións con 64/128 Gb de almacenamento interno e 4 Gb de RAM ou con 256 e 512 Gb de almacenamento interno e 8 Gb de RAM, partindo o seu prezo de 879 euros.

Novos accesorios

A renovación dos Surface tamén supón a actualización dos seus accesorios, de xeito que teremos unha Funda Táctil 2 por 119,99 euros (máis delgada e lixeira que a súa predecesora), unha Funda con Teclado 2 por 129,99 euros (agora con retroiluminación, mantendo o grosor e o peso), unha Funda de Alimentación (versión da Funda con Teclado 2 que integrará unha batería no seu interior para ampliar a autonomía dos Surface), un adaptador sen fíos para a Funda con Teclado 2 (que facilita que poida controlarse o tablet a distancia), unha versión do Arc Touch Mouse (que adapta a súa estética para casar ben cos Surface) e unha Base de Acomplamento (que facilitará a conexión dun monitor externo, Ethernet, altofalantes, un teclado completo, impresora e outros periféricos cando teñamos o Surface Pro 2 no escritorio, e que porase tamén á venda a primeiros de 2014).


Vídeo de presentación dos novos Surface

PUBLICIDADE