Microsoft pecha as súas tendas físicas

venres, 26 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Microsoft leva abrindo tendas nos EE.UU. dende 2009, abrindo a súa primeira tenda insignia en New York no ano 2015, converténdose nun espazo ideal para achegarse ao hardware da compañía de Redmond, como son os equipos Surface, os numerosos accesorios e as consolas Xbox, así como para coñecer as novidades da compañía a nivel de software. Pero nin a presenza destes establecementos era grande, nin chegou a facerse un despregamento internacional serio (España non chegou a ter ningunha tenda Microsoft) de aí que non sorprenda moito o anuncio de que Microsoft decidise pechar definitivamente todas as súas tendas físicas.
Dende a compañía aseguran que manterán ao equipo comercial dos establecementos, que continuarán a traballar nas canles de comercialización en liña, presentes en 190 mercados. Aparte das tendas puras, Microsoft tamén conta con algúns espazos de experiencia en varios dos seus campus, que transformaranse para adaptarse á nova realidade, xa que a parte comercial dos establecementos físicos terá que dicir adeus.
Actualmente as tendas estaban pechadas por mor da crise sanitaria global, mantendo moitas actividades en liña durante ese período, como formación e soporte técnico, confirmando que este traballo remoto era dabondo, o que podería ter acelerado a toma da decisión de peche das tendas físicas, que por outra banda provocarán un impacto negativo nas contas de Microsoft valorado en 450 millóns de dólares.

PUBLICIDADE