Microsoft levou numerosas novidades á Gamescom

luns, 19 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Unha das compañía de videoxogos que maior presenza está a ter na Gamescom de Colonia (Alemaña) é Microsoft, que aproveitou a celebración para realizar toda unha serie de anuncios que van dende desvelar os vindeiros xogos que se incluirán no Xbox Game Pass (entre os que destaca Devil May Cry 5) até avanzar detalles sobre Gears 5, xogo que promete ser o título máis importante para Xbox One no presente ano (e que estreou tráiler do seu modo campaña). Incluso adiantaron que entre os días 14 e 16 de novembro celebrarán en Londres a X019, unha cita na que realizarán numerosos anuncios pese a ser unha data moi próxima ao Nadal.

Vídeo promocional no que anuncian os títulos que se incorporarán a Xbox Game Pass nos vindeiros días

Microsoft tamén puxo data a Age of Empires II: Definitive Edition (que sairá á venda o 14 de novembro); deixou caer que o 22 de agosto teremos xa o xogo móbil GearsPOP! (que funcionará en Android, iOS e Windows 10) que mestura a franquía de Gears of War coas célebres figuras POP! de Funko; deu conta dos novos mandos edición especial para Xbox One (Night Ops Camo e Sport Blue) que nos vindeiros meses chegarán a un prezo de 64,99 euros; e tamén estrearon varios vídeos promocionais.

Novo tráiler de Gears 5

Outros anuncios

Paralelamente tamén anunciaron que Final Fantasy VIII Rematered chegará a Xbox One o 3 de setembro, que Ori and the Blind Forest: Definitive Edition (xogo dispoñible até o momento para Xbox One e PC) estreará versión para Nintendo Switch o 27 de setembro, e incluso sorprenderon amosando como se vería o xogo Minecraft empregando a tecnoloxía de ray tracing de nVIDIA, de xeito que o célebre xogo de gráficos pixelados poderá verse dun xeito espectacular mantendo o seu deseño minimalista.

A tecnoloxía de ray tracing de nVIDIA permite ver Minecraft dun xeito espectacular

PUBLICIDADE