Microsoft integra a tecnoloxía de ChatGPT en Bing e Microsoft Edge

martes, 7 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Microsoft celebrou hoxe unha presentación para das a coñecer oficialmente a súa integración da intelixencia artificial no buscador Bing e no navegador Microsoft Edge, de xeito que a tecnoloxía que puidemos ver nos últimos meses en ChatGPT pode aplicarse agora a usos prácticos no noso día a día, deixando claro que a IA pode revolucionar campos que levaban moitos anos sen aparente innovación.
A idea de Microsoft para tirar proveito da tecnoloxía de ChatGPT consiste en mesturar as buscas na web, a navegación e as conversas nunha experiencia unificada que os usuarios poidamos invocar en calquera momento, conseguindo así unhas buscas mellores (a nova barra lateral de Bing pode amosar respostas ás nosas preguntas con información específica), respostas completas (o sistema procurará dar unha resposta en vez de convidarnos a explorar numerosos resultados de busca), ter unha nova experiencia de conversa (a través da que podemos ir refinando as buscas), algo de creatividade (a IA xenerativa pode ser toda unha fonte de inspiración, enriquecendo o texto xerado con ligazóns ás súas fontes) e, no caso específico do navegador Microsoft Edge, temos que na barra lateral podemos tanto conversar coa intelixencia artificial como empregar unha función de composición, que pode axudar ao usuario a crear contido para a súa publicación en función do tema e incluso o ton que lle indiquemos.
A nova experiencia que podemos ter con Bing fai uso dun modelo de OpenAI de nova xeración, baseada en ChatGPT e GPT 3.5, que promete máis precisión e capacidade; tamén fai uso do modelo OpenAI propio da compañía de Redmond (Microsoft Prometheus) para conseguir uns resultados máis relevantes e atinados; aseguran aplicar a IA nos algoritmos centrais das buscas (o que debería traducirse na presentación nos resultados dos contidos en función da súa precisión e relevancia); e tamén supón un importante cambio na experiencia do usuario, mudando o xeito de interactuar coa web.
Para todo isto Microsoft fai uso das súa grande infraestrutura na nube (Azure) e colabora con OpenAI (a empresa detrás de ChatGPT), sendo bastante ousado que se atrevesen a lanzar este produto xa nunha versión preliminar, xa que un dos grandes problemas que presentaba ChatGPT é que os seus resultados, pese a parecer ter sentido, en moitas ocasións incluían información que poderiamos considerar inventada, polo que podía levar a engano, algo que deberá evitarse nas buscas na web, polo que as probas con usuarios reais serán cruciais para ver se esta tecnoloxía queda nunha curiosidade ou cambia o xeito de relacionarnos cos contidos en liña para sempre.

A intelixencia artificial pode axudar a compor textos dentro de Microsoft Edge

Momentos máis destacados da presentación de Microsoft

PUBLICIDADE