Microsoft fai unha demostración de forza no E3

luns, 10 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A evolución do Xbox Game Pass foi unha das grandes novas deste E3, pero Microsoft tivo moito máis que amosar, no que moitos consideran que foi a conferencia máis cargada de xogos até momento, probablemente pola ausencia de Sony no evento, facendo que a compañía de Redmond puidese lucir músculo e incluso aproveitar a ocasión para adiantar os seus plans de futuro.
Aparte dos xogos en subscrición tamén quixeron confirmar que a súa futura consolas doméstica, coñecida polo momento como Project Scarlett, chegará na campaña de Nadal de 2020 xunto co xogo Halo Infinite, terá un procesador de AMD feito a medida, memoria GDDR6 de alto largo de banda e unidade SSD, conseguindo que os xogos poidan verse con máis calidade que nunca conservando incluso a retrocompatibilidade coas anteriores xeracións de consolas de Microsoft.
O outro proxecto do que deron conta foi o Project xCloud, que permitirá gozar dos xogos de consola en dispositivos máis modestos como smartphones e tabletas. Pero os xogos non chegarán aos dispositivos móbiles só a través da nube de Microsoft, senón que tamén será posible que a Xbox One realice console streaming, de xeito que a consola doméstica operaría como un servidor privado e de balde de xCloud.
Aparte dos grandes anuncios de cara ao futuro, a conferencia de Microsoft foi un grande escaparate de xogos, cun total de 60 títulos entre os que destacaron Cyberpunk 2077 (que contou coa aparición sorpresa do actor Keanu Reeves no escenario, confirmando que interpretará a un personaxe do xogo), Star Wars Jedi: Fallen Order (prometedor xogo de Star Wars que permitirá tanto explorar escenarios como combater con espadas de luz), Battletoads (o retorno dunha franquía clásica), Dragon Ball: Kakarot (novo xogo de As Bolas Máxicas protagonizado por Son Goku e desenvolvido polo equipo que conseguiu tanto éxito con xogos de Naruto), Elden Ring (aventura fantástica ideada por Hidetaka Miyazaki e George R. R. Martin) e Gears 5 (a nova entrega de Gears of War), entre moitos outros.

O agardado tráiler de Star Wars Jedi: Fallen Order

PUBLICIDADE