Microsoft facilita en EE.UU. a compra dunha Xbox One contratando servizos de subscrición

luns, 27 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Para ampliar a base de usuarios da plataforma Xbox Microsoft vén de lanzar un novo programa nos EE.UU. chamado Xbox All Access que combina os servizos de subscrición Xbox LIVE Gold (que facilita o acceso ao xogo en liña e a unha selección de xogos cada mes) e Xbox Game Pass (que facilita o uso dunha selección dun catálogo dun cento de xogos que renóvanse periodicamente e que inclúe os novos lanzamentos de Microsoft) cunha compra a prazos dunha consola Xbox One.
Este novo programa ten unha duración de 24 meses, e por 21,99 dólares/mes permite facerse cunha consola Xbox One S cun disco duro de 1 TB, mentres que por 34,99 dólares/mes permite facerse cunha Xbox One X. Estamos ante unha iniciativa limitada a tendas físicas, que simplemente supón a compra a prazos nunhas condicións favorables, o que semella incentivo dabondo para que certo perfil de usuarios adquira unha nova consola de videoxogos sen ter que afrontar un elevado pagamento inicial e podendo xogar a un impresionante catálogo de xogos dende o primeiro día. Haberá que agardar para ver se Xbox All Access ten unha boa recepción, o que podería levar a que o programa se replique no resto do mundo.

PUBLICIDADE