Microsoft expón os seus lanzamentos de Xbox para os vindeiros 12 meses

luns, 13 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aínda que este ano a feira de videoxogos E3 non se celebra oficialmente por mor da pandemia (prometendo volver en formato híbrido para o ano que vén), as grandes compañías reservaron novidades para estas datas, e no caso de Microsoft celebraron un evento para amosar os xogos nos que están a traballar dende Xbox e Bethesda, adiantando parte do calendario de lanzamentos para 2022 e 2023.
A presentación de Xbox e Bethesda deixou claro que teñen previsto un impresionante volume de lanzamentos que procurarán ter unha cadencia mensual, para que haxa novidades e actualizacións de contido constantemente, o que supón unha grande posta en valor do servizo de subscrición Xbox Game Pass, para o que deron conta de máis de 30 títulos que recibirá nos vindeiros 12 meses.
Por desgraza, o catálogo de novidades de Xbox para 2022 é bastante limitado, e será 2023 cando chegarán os grandes xogos, como o esperadísimo Redfall ou o xogo de mundo aberto máis esperado dos últimos tempos, Starfield, aos que hai que sumar títulos como Minicraft Legends ou Forza Motorsport, que axudan a conformar un catálogo de grande peso ao que contribuirán tamén estudios externos que achegarán grandes xogos como Diablo IV e unha nova produción de Kojima Productions. Tamén podemos salientar que Riot Games achegará títulos como League of Legends e Valorant a Game Pass.

Cadro de novidades de Xbox para os vindeiros 12 meses

Vídeo no que recollen as futuras novidades de Xbox

PUBLICIDADE