Microsoft estrea Skype Lite na India

mércores, 22 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Skype Lite presentouse nas últimas horas na India, destacándose a integración da identificación mediante Aadhaar

Pese a que a banda larga móbil espállase a bo ritmo a nivel global continúan a existir mercados nos que as velocidades de acceso á Rede son moi precarias, de aí que cada vez sexa máis frecuente que os servizos máis populares lancen versións reducidas das súas aplicacións móbiles, como a que vén de estrearse: Skype Lite.
Esta nova aplicación para Android está limitada á India, de xeito que é capaz de funcionar correctamente baixo conexións GPRS e conexións inestables, buscando tamén consumir poucos recursos (ocupa só 13 MB, consume pouca batería e pode funcionar en teléfonos con Android bastante vellos) e reducir ao máximo o tráfico de datos incluso en videoconferencias (indicando aos usuarios os datos consumidos para que poidan botar contas con respecto á tarifa móbil que teñan contratada).
Skype Lite non só permite a comunicación habitual a través de Skype en texto, voz e vídeo, senón que tamén facilita a xestión das mensaxes de texto no móbil. Está dispoñible nas principais linguas da India, e outro detalle moi importante desta aplicación é que soporta a identificación Aadhaar (equivalente ao DNI na India, con máis de 1.100 millóns de usuarios rexistrados) o que facilita que os integrantes dunha conversa poidan solicitar a verificación da identidade do seu interlocutor, o que pode resultar de grande utilidade para entrevistas de traballo ou para pechar negocios (comprometéndose Microsoft a non almacenar o número identificador).
Cómpre lembrar que na India é moi popular a aplicación móbil de WhatsApp, polo que o feito de que Skype Lite chegue con características moi dirixidas a este mercado pode facilitarlle o facerse un oco no que xa hai un axente dominante.

Vídeo de presentación de Skype Lite

PUBLICIDADE