Microsoft e o Goberno vasco presentan o Windows 7 en éuscaro
luns, 21 de xuño do 2010
Á espera de que chegue a presentación oficial da versión galega do Windows 7 (que foi moi esperada por algúns e moi pouco ou nada de nada por outros, que viron na dita tradución un esforzo innecesario, habendo como hai sistemas operativos galegos abertos e adaptables, como Galinux ou Trisquel), Microsoft vén de dar un novo paso promocional para afianzar o seu produto no mercado éuscaro. Falamos, precisamente, da posta en longo perante os medios da tradución á dita lingua da ferramenta Windows 7 e da plataforma de servizos Live. As adaptacións, que foron dadas a coñecer os días pasados por Montserrat Pardo (xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica) perante uns 100 profesionais das TIC e usuarios dos recursos de Microsoft, non chegan ao mercado porque si. Cómpre ter en conta que Euskadi constitúe un dos territorios europeos onde se rexistra meirande afianzamento do acceso ás novas tecnoloxías, polo que se podería dicir que para Microsoft é un bo mercado onde meter o dente.
Deste xeito, segundo apuntan
os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, máis do 68%
das vivendas do país contan cun computador, a meirande parte
das cales dispón de conexión a Internet. Visto o visto, non é de
estrañar que se convocara tal número de persoeiros do sector TIC e
da cultura de Euskadi para presentar as novas ferramentas, persoeiros
entre os que se contaba Kirmen Uribe, Premio Nacional de Narrativa 2009
e Mikel Urdangarin, autor e cantante. Na posta en longo tamén
participou
Blanca Urgell, responsable de Cultura do Goberno de Euskadi, quen
contactou
a través de tecnoloxía streaming
con vascos de todo o mundo para facerlles chegar “a boa nova”, foi
o caso de Gorka Garmendia (dende Shanghai) ou do artista Josune
Goenaga (dende París). Para Urgell, en virtude do achegamento á
sociedade
vasca destes produtos, “xa
é posible dicir que o euskera e as novas tecnoloxías foron quen de
unirse máis”.