Microsoft e Barrabés Next poñen en marcha un programa de balde de aceleración de startups TIC

mércores, 17 de abril do 2013 Redacción

Microsoft e Barrabés Next veñen de unir forzas para pór en marcha unha iniciativa gratuíta de aceleración de empresas (startups e PEME) de alicerce tecnolóxico nos Centros de Innovación Microsoft de Palma de Mallorca, Mondragón e Sevilla, que ten como obxectivo “apoiar ás empresas para que poidan avanzar e lograr o éxito cos seus proxectos”. O programa, de 3 meses de duración, será un programa principalmente práctico ofrecerá e aos participantes apoio en todo o referente aos aspectos tecnolóxicos do proxecto, facendo especial fincapé, informan os seus responsábeis, “no modelo de negocio da empresa, na súa situación de mercado, e no seu funcionamento interno como organización”.
A achega formativa (de inscrición aberta até o 22 de abril) desenvolverase entre os meses de maio e xullo. As iniciativas serán seleccionadas en base á súa innovación e viabilidade no mercado. Incluiranse sesións de traballo individuais cun profesional de innovación, o deseño dun plan de traballo de tipo personalizado e obradoiros prácticos en grupo para presentar técnicas e ferramentas que fomenten a creatividade e a competitividade.
Para poder acceder a este programa as empresas deberán cumprir uns mínimos requisitos, dispor de capital privado, con menos de cinco anos de antigüidade e unha facturación menor dun millón de dólares. Asemade, as empresas participantes terán acceso ao programa mundial de emprendedores Microsoft BizSpark dirixido a novas empresas de base tecnolóxica que ofrece “un acceso doado e rápido non só ao software de desenvolvemento de aplicacións e tecnoloxías de infraestrutura de Microsoft, senón tamén ás licenzas de posta en produción do devandito software, o cal é de gran importancia para un negocio que está a dar os seus primeiros pasos”, informa Microsoft.

PUBLICIDADE