Microsoft corrixe un grave fallo de seguridade en vellas versións de Windows

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

Para evitar a desfeita provocada polo WannaCry, Microsoft está a distribuír parches de seguridade para un fallo atopado nos servizos de Escritorio Remoto que facilitaba a execución de código remoto por parte de aplicacións que non precisan de interacción por parte do usuario, ou sexa, que sería posible crear un verme que infectase masivamente equipos en todo o mundo cun malware extremadamente perigoso.
A corrección do erro realízase de xeito preventivo, xa que polo momento non hai evidencias de que estea a explotarse de xeito activo por software malicioso, e para evitar un impacto global na Internet dende Microsoft non se limitaron a publicar parches para sistemas operativos con soporte activo, senón que tamén están a distribuír parches de seguridade para sistemas obsoletos como Windows Server 2003 e Windows XP, aproveitando a ocasión para lembrar que o uso de sistemas operativos sen soporte técnico é un grave risco para a seguridade.
O fallo de seguridade non afectaría a equipos con Windows 8 e Windows 10, xa que as últimas versións do sistema operativo de Microsoft incorporaron numerosas medidas de seguridade que en grande medida están na propia arquitectura do sistema, polo que estas melloras non poden trasladarse a versións anteriores de Windows (de aí que para pechar a fenda de seguridade tivesen que facer un parche). De feito, dende Microsoft salientan que o parche corrixe o aproveitamento da vulnerabilidade detectada por un verme, pero non nos casos nos que o atacante tivesen conseguido credenciais válidas para acceder ao equipo, de aí que empregar unha versión de Windows recente sexa primordial para un contorno informático seguro.

PUBLICIDADE