Microsoft confirma a súa presenza no E3

martes, 14 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O anuncio de que Sony non estará presente na feira E3 por segundo ano consecutivo provoca moitos comentarios sobre o futuro da feira, e para mellorar a confianza neste encontro dende Microsoft xa amosaron o seu apoio ao evento, e foi o propio director do equipo de Xbox, Phil Spencer, quen saíu á palestra para salientar que están a traballar duro no E3 para compartir cos amantes dos videoxogos o que están a preparar.
Este ano vai ser moi importante para a Microsoft no E3, xa que será un dos escenarios elixidos para amosar a vindeira xeración da consola Xbox, así como para avanzar máis información sobre a plataforma de xogo na nube Project xCloud, actualmente en probas, e que promete ir moito máis aló que Google Stadia, xa que permitirá gozar dos xogos de todas as xeracións de Xbox a través de streaming mantendo detalles como o gardado na nube, de xeito que os usuarios poderán empregar esta futura plataforma sen fricción nin traumas, conseguindo unha experiencia moi semellante a se estivesen diante da súa consola tradicional.
Nos últimos meses Microsoft tamén adquiriu varios estudios de videoxogos, polo que é de esperar que durante o E3 anuncien xogos que sexan un bo reclamo para atraer xogadores e fidelizar público tanto para as súas consolas como para servizos de subscrición como Xbox Game Pass.

PUBLICIDADE