Microsoft colaborará co CiTIUS na confluencia entre Intelixencia Artificial e medicina

xoves, 22 de xullo do 2021 S. P.

O CiTIUS da USC formalizou este mes de xullo un convenio de colaboración coa compañía tecnolóxica Microsoft, que lle brindará o seu apoio para o desenvolvemento de novas técnicas de Intelixencia Artificial (IA) aplicadas a medicina. En particular, esta nova vía de colaboración centrarase no eido da oncohematoloxía, disciplina centrada no tratamento dos tumores que se orixinan nos órganos encargados de formar o sangue e nos ganglios linfáticos (incluíndo leucemias, linfomas e mieloma múltiple).
Segundo explicou a Universidade de Santiago, trátase dunha liña de investigación actualmente activa no centro de investigación compostelán, en virtude dun recente acordo entre o CiTIUS e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
O apoio de Microsoft permitirá acadar “distintos fitos neste ámbito de investigación”. Por unha banda, aplicaranse técnicas de aprendizaxe automática (Machine Learning) para unha mellor predición da supervivencia e optimización do tratamento dos pacientes con mieloma múltiple; por outra, organizarase un encontro específico de dúas xornadas para analizar dun modo máis xeral o uso da Intelixencia Artificial en medicina.
A primeira destas xornadas comezará cunha aproximación aos fundamentos das tecnoloxías con capacidade de avaliar información a gran escala e extraer conclusións, pautas e comportamentos, e, tamén, a algunhas das súas aplicacións no ámbito da saúde, presentando casos concretos de sistemas baseados no coñecemento e en aprendizaxe automática (entre os que se incluirá o uso da Intelixencia Artificial na loita contra a COVID-19). O segundo día abordaranse aspectos prácticos relacionados coa privacidade e a ética na aplicación da IA no ámbito médico, así como o uso das tecnoloxías lingüísticas.
Amais, organizarase outra actividade con formato de xornada de debate sobre a proposta lexislativa da Comisión Europea para a elaboración dunha lei de Intelixencia Artificial, cuxo borrador viu a luz o pasado 21 de abril de 2021.

PUBLICIDADE