Microsoft baixa o prezo do Surface RT ata os 329 euros

luns, 15 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Ante as dificultades para atopar un espazo no mercado, o tablet básico de Microsoft, o Surface RT, que en vez de funcionar con Windows 8 emprega como sistema operativo o máis limitado Windows RT, reduce sustancial e definitivamente o seu prezo, de xeito que o modelo con 32 Gb de almacenamento interno e sen teclado externo pasa de custar 479 euros a venderse por 329 euros (tanto na tenda en liña de Microsoft como en establecementos físicos).
Esta diferenza de prezo de 150 euros trasládase ao resto de modelos deste tablet, de xeito que o modelo mencionado con Touch Cover véndese por 429 euros; no caso de optar por 64 Gb de almacenamento interno habería que incrementar o seu prezo en 100 euros en cada caso.
Ao reducirse o prezo do Surface RT máis básico a 329 euros convértese nunha solución moi atractiva para que desexe un tablet dende o que acceder á web e traballar con documentos ofimáticos (inclúe unha versión especial do Office de Microsft), podendo gozar do seu tamaño de pantalla (10,6 polgadas), de boa conectividade (Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, USB e HDMI), cámaras frontal e traseira, e unha autonomía de ata 8 horas.

PUBLICIDADE