Microsoft amplía a gama económica de smartphones Lumia

mércores, 14 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres seguimos á espera para ver o primeiro móbil insignia con Windows Phone lanzado baixo a marca de Microsoft, vemos como a compañía de Redmond continúa a reforzar as súas gamas máis baixas e de consumo masivo, o que o mes que vén vai chegar a un rango de prezos inédito co lanzamento dos Lumia 435 e Lumia 532, que custarán aproximadamente 69 e 79 euros respectivamente, facendo extraordinariamente asumible un smartphone con Windows Phone 8.1, que incluso incluirán Office, Skype (facilitando as videoconferencias, pois contan con cámara frontal) e 30 GB de almacenamento en OneDrive.

O Lumia 435 parece claramente orientado para os mozos, polas súas cores rechamantes e os seus prezos axustados

Temos así que o Lumia 435, co seu prezo aproximado de 69 euros, sería o smartphone con Windows Phone 8.1 máis económico do catálogo de Microsoft, o que supón un prezo realmente axustado se temos en conta que xa estamos cun dispositivo cun procesador Qualcomm Snapdragon 200 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 GB de RAM (evitando así as limitacións dos terminais con 512 MB), 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, batería de 1.560 mAh, 11,7 milímetros de grosor e 131,85 gramos de peso. Un dispositivo a ter moi en conta que en certos mercados chegará coa posibilidade de empregar dobre SIM. Continuando coa estética habitual da familia Lumia, o teléfono venderase con carcasas de cor branca, negra, verde ou laranxa.


Vídeo de presentación do Lumia 435
Para usuarios algo máis esixentes teremos o Lumia 532, que continúa a ter un prezo moi axustado (uns 79 euros) pero que mellora ao seu irmán en procesador (agora cun Qualcomm Snapdragon 200 de catro núcleos a 1,2 GHz) e na cámara, xa que a súa cámara frontal ten unha resolución de 5 Mpíxeles.
Estamos claramente ante bos teléfonos de entrada, que grazas ao seu deseño poderían resultar atractivos para a xente moza.


Vídeo de presentación do Lumia 532

Ao estar equipados con 1 GB de RAM os novos smartphones poden correr todo o catálogo de aplicacións de Windows Phone 8.1

PUBLICIDADE