Microsoft acorda a compra de LinkedIn por 26.200 millóns de dólares

luns, 13 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Microsoft e LinkedIn anuncian hoxe que pecharon un acordo para a compra de LinkedIn por parte de Microsoft nunha operación en efectivo a través da que pagarán 196 dólares por acción, sumando un total de 26.200 millóns de dólares (23.221 millóns de euros) que está previsto que conclúa dentro deste mesmo ano. Curiosamente LinkedIn vai manter a súa marca, cultura e independencia, manténdose Jeff Weiner como director xeral de LinkedIn, aínda que terá que dar contas a Satya Nadella, director xeral de Microsoft.
Actualmente LinkedIn é a plataforma social profesional máis ampla e valiosa do mundo, que durante o último ano renovou a súa aplicación móbil, conseguiu unha maior interacción por parte dos usuarios, á vez que deu pasos para afianzar a súa posición dirixida ao sector empresariais como coa compra da plataforma de ensino en liña Lynda.com. LinkedIn conta con 433 millóns de membros a nivel mundial (cun crecemento interanual do 19%), máis de 105 millóns de usuarios activos ao mes (cun crecemento interanual do 9%), con máis de 45.000 millóns de páxinas de usuarios vistas ao trimestre (cun crecemento interanual do 34%) e con máis de 7 millóns de ofertas de traballo publicadas (cun crecemento interanual do 101%).
Satya Nadella considera que a compra de LinkedIn pode “acelerar o crecemento de LinkedIn, así como de Microsoft Office 365 e Dynamics”, facilitando que a compañía conecte mellor con profesionais e empresas de todo o planeta.

PUBLICIDADE