Microsoft acorda a compra de Activision Blizzard

martes, 18 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Poucas horas despois de que transcendese que Activision Blizzard despediu a ducias de empregados por ter condutas pouco apropiadas no lugar de traballo, procurando así pór peche á grande crise de reputación da compañía, momento que parece ter sido aproveitado por Microsoft para negociar a compra da empresa por 68.700 millóns de dólares en efectivo, operación que convertería á compañía de Redmond na terceira maior do mundo (só por detrás da chinesa Tencent e a xaponesa Sony).
A integración de Activision Blizzard en Microsoft Gaming supón que o equipo de Xbox faise con grandes franquías como Call of Duty, Warcraft, StarCraft, Diablo, Overwatch, Hearthstone, Guitar Hero, Crash Bandicoot, Spyro, Tony Hawk, Candy Crush entre outras. O conglomerado de Activision non só está formado pola editora Activision Publishing, senón tamén por Blizzard Entertainment, Beenox, Demonware, Digital Legends, High Moon Studios, Infinity Ward, King, Major League Gaming, Radical Entertainment, Raven Software, Sledgehammer Games, Toys for Bob e Treyarch, responsables de moitos dos grandes éxitos do mundo dos videoxogos dos últimos anos.
Mentres a operación de compra non se peche, Activision Blizzard continuará a operar de xeito independente, aínda que de Microsoft xa adiantan que procurarán engadir ao Game Pass todos os xogos de Activision Blizzard que sexa posible, confiando en que a incorporación destas franquías supoña un importante pulo para o xogo na nube.

PUBLICIDADE