Micromax Canvas 4: un completo móbil a un prezo moi axustado

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Hoxe ponse á venda na India o interesante smartphone Micromax Canvas 4 (modelo A210), un dispositivo con Android 4.2.1, procesador Mediatek MT6589 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, pantalla IPS de 5 polgadas de alta definición (1.280 x 720 píxeles), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD), dobre SIM e batería de 2.000 mAh, que está á altura de moitos móbiles de alta gama, pero ofrécese a un prezo de só 17.999 rupias (229,86 euros).
O Canvas 4 chega así como un expoñente máis de que é posible vender smartphone de elevadas prestacións a prezos axustados sen ter que prescindir de detalles tan apreciados polo público como un deseño delgado (8,99 milímetros de grosor) e un corpo de aluminio anodizado (que tamén actúa como antena para mellorar a recepción do sinal). Está dispoñible tanto en cor branca como en gris escuro.

PUBLICIDADE