Mezcladitos xa conta con versións para Android e Facebook

luns, 24 de decembro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 102.2 KB
Xa podemos gozar de Mezcladitos en Android

Hai preto de 2 meses o xogo móbil sucesor do popular Apalabrados, estreou aplicación para iPhone e iPod Touch, prometendo que en breve saltaría a novas plataformas para respectar o espírito do seu devanceiro, e así chegou estes días Mezcladitos a Android e a Facebook, permitindo que os usuarios das tres plataformas mencionadas poidan así botar partidas entre si, conseguindo unha ampla masa de usuarios. Este lanzamento foi acompañado pola adaptación da versión de iOS para iPad e iPad mini.
Mezcladitos está dispoñible en español, éuscaro, catalán, inglés, francés, sueco, alemán, portugués e holandés, agardando chegar máis adiante o soporte de danés, noruegués, polaco e galego (segundo comentou o director de Etermax, Maximo Cavazzani, ante os micrófonos da Radio Galega hai uns meses). O xogo consiste en competir entre 2 xogadores en 3 quendas de 2 minutos cada unha para atopar nun taboleiro de 4x4 letras o maior número de palabras posible conectando as letras en horizontal vertical e diagonal. Durante as partidas é posible empregar unha especie de power-ups (axudas) que poderemos mercar cunha moeda virtual do xogo, que podemos tanto gañar como adquirir con cartos reais, modelo de negocio que complementa á fórmula habitual de Etermax, pois aparte das habituais versións do xogo de balde con publicidade tamén contan con versión de pagamento para iOS e para Android de Mezcladitos, que carecen de anuncios.

PUBLICIDADE