Mezcladitos, o sucesor de Apalabrados, estrea versión para iPhone

martes, 6 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Maximo Cavazzani, creador de Apalabrados, visitou España a semana pasada para dar anunciar o seu novo xogo

A semana pasada Maximo Cavazzani, director xeral de Etermax, S.A. e creador do célebre xogo Apalabrados visitou España para participar no encontro The App Date en Madrid e BDigital en Barcelona, aproveitando a ocasión para dar a coñecer o que sería a súa no aplicación, Mezcladitos, que estaría baseada tamén no concepto de formar palabras permitindo partidas multiplataforma (de xeito que poderán competir usuarios de Facebook, iOS e Android entre si).
O novo xogo, Mezcladitos, estreou nos últimos días versión de balde para iPhone e iPod Touch, estando previsto o lanzamento da súa versión para Android este mesmo mes. O xogo consiste en atopar palabras nun taboleiro de 4x4 letras que poden conectarse en horizontal, vertical e diagonal durante 3 quendas de 2 minutos cada unha, permitindo tamén o uso de power-ups que consumen moedas virtuais (e que poden gañarse ou mercarse). Polo momento está dispoñible en español, francés, italiano, sueco, alemán, inglés (de EE.UU. e Reino Unido), portugués (de Portugal e Brasil), éuscaro e catalán, agardándose o seu lanzamento en danés, finés, noruegués, polaco e galego.
Entre as vantaxes deste novo xogo está que os contactos de Apalabrados poden empregarse en Mezcladitos. Precisamente sobre Apalabrados Cavazzani anunciou durante a súa visita a España que o xogo estreará versión para Windows Phone no mes de decembro, o que contribuirá a mellorar aínda máis a base de usuarios deste popular xogo.

Mezcladitos xa conta con versión para iPhone

PUBLICIDADE