Mevo, a primeira cámara compatible con Facebook Live

mércores, 13 de abril do 2016 Marcus Fernández

Durante a pasada edición do CES presentouse a pequena cámara Movi, que grazas ao seu sensor de alta resolución (4K) permitía simular ser varias cámaras de alta definición, e agora este produto está a reinventarse baixo o nome Mevo, e presumindo de ser unha cámara orientada á retransmisión en directo de eventos, e que destaca por ser o primeiro produto que se anunciou como compatible co servizo de streaming de vídeo Facebook Live, ou sexa, que emite directamente vídeo a través de Facebook sen precisar dun ordenador para o seu control, e permitindo incluso unha simulación de control multi-camara a través do móbil.
Esta cámara anúnciase como compatible con Facebook Live e Livestream, aínda que as gravacións realizadas coa mesma tamén poden gravarse nunha tarxeta microSD interna para despois compartilas ou editalas como desexemos.
Polo momento esta cámara pode xestionarse a través dun smartphone que como mínimo sexa un iPhone 5s con iOS 9, e baséase nun sensor Sony de 12,4 Mpíxeles capaz de capturar vídeo até a 3.840 x 2.160 píxeles a 30 cadros por segundo, realizando o streaming de vídeo a 1.280 x 720 píxeles a 5 Mbps (o que permite así realizar un recorte do vídeo orixinal para simular varias cámaras e incluso movementos das mesmas). Para as retransmisións conta con conectividade Wi-Fi N de dobre banda, mentres que co accesorio Mevo Boost pode empregar conectividade Fast Ethernet (accesorio que tamén pode aproveitarse para conectar un modem USB que permite realizar as retransmisións aproveitando banda larga móbil).
A cámara Mevo pode xa reservarse a un prezo promocional de 299 dólares, incluíndo a cámara, un soporte, unha tarxeta microSD de 16 GB, un cargador de parece e un cable USB; estando tamén dispoñible no lote chamado Mevo Pro a 549 dólares, incluíndo o accesorio Mevo Boost, que dota á cámara de resistencia á auga, multiplica a súa autonomía por 10 (chegando ás 10 horas) e incorpora o mencionado porto Fast Ethernet e o porto para conectar un modem 4G.

Vídeo de presentación da cámara Mevo

PUBLICIDADE