Meteogalicia comeza ano intensificando visitas e amosando novidades na web

luns, 11 de xaneiro do 2016 Redacción

Meteogalicia inicia 2016 cunha serie de actividades que comparten nexo común: amosarse, impulsarse e ter máis e mellor contacto e colaboración coa cidadanía. Para comezar, as instalacións do servizo autonómico de predicións meteorolóxica recibirán este martes ao primeiro grupo de alumnos que ao longo deste ano visitarán as súas dependencias, un total de 56 alumnos de 1º e 2º da ESO do Colexio Bayón de Ribeira. Ao longo do mes de xaneiro, un total de seis grupos de cinco centros de Primaria e da ESO achegaranse até as súas dependencias. Nestes e noutros encontros previstos (con alumnado de Bacharelato e universitario, e tamén con diversas asociacións) aproveitarase para amosar aos visitantes a optimización levada a cabo na web de Meteogalicia.
Esta actualización do servizo en liña consiste “na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello”. O sistema, por certo, xa está dispoñíbel na páxina meteogalicia.es.
Segundo fan saber os responsábeis do servizo, “este reforzo da información é froito da colaboración entre Meteogalicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para mellorar a información sobre a predición meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web”. As notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada municipio galego. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural. Segundo fan saber dende a Xunta, outra das novidades introducidas na páxina web é a predición da calidade do aire do día actual e os dous seguintes, mediante unha escala de cores. A maiores, achéganse datos das estacións meteorolóxicas pertencentes á rede de estacións automáticas de Meteogalicia (na contorna do concello seleccionado) e ademais a web contén gráficos coa evolución das temperaturas máximas e mínimas a curto e medio prazo.

PUBLICIDADE