Metal Gear Survive inicia a súa beta para Xbox One e PS4

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Dende hoxe e até o vindeiro domingo vai desenvolverse unha beta do xogo Metal Gear Survive, de xeito que os interesados en catar este título que non sairá á venda até o 22 de febreiro teñen unha oportunidade ideal para probar 3 misións a través de 2 mapas no modo cooperativo do xogo (que permite até 4 xogadores en liña), de xeito que se contribúe ao desenvolvemento do xogo ao mesmo tempo que se lle bota unha ollada que facilitar a decisión de compra. Durante a beta tamén ofrecerase unha misión diaria especial.
Para poder gozar desta fase de probas temos que descargar a versión beta do xogo da tenda dixital de Xbox One ou de PlayStation 4, quedando a versión para PC fóra da beta.
Metal Gear Survive non é unha entrega máis da saga de Metal Gear Solid, senón que realmente trátase dun xogo de supervivencia inspirado en Metal Gear Solid V: The Phantom Pain, título do que considérase un spin-off, aínda que o resultado é bastante diferente, froito da fusión de elementos de infiltración, tácticas defensivas e supervivencia.
Aínda que a beta está centrada no modo cooperativo, o xogo tamén contará cun modo para un xogador, que centrarase en narrar a historia do xogo e na aprendizaxe dos seus elementos de xogo, ou sexa, que vén a ser unha sorte de adestramento para o xogo en liña.

O xogo non esquece os elementos de infiltracións propios da saga
O xogo traslada a acción a un universo paralelo cheo de infectados, converténdose nun survival

Tráiler de Metal Gear Survive

PUBLICIDADE